Marzo é o mes da endometriose. A nivel mundial a endomarch vai sumando puntos a un mapa no que milleiros de mulleres de todo o mundo nos rebelamos contra o silenzo que cubre esta doenza inflamatoria, crónica e por veces incapacitante que padecemos unha de cada dez e na que os retrasos diagnósticos son absolumente escandalosos.
Quentamos motores, con motivo da celebración do 8 de marzo sumamos a nosa voz á de outras moitas mulleres. Por unha razón: tamén na sanidade hai discriminación.
Había que poñerse a traballar para difundir a endometriose e os actos que tiñamos previsto en Ourense e os medios de comunicación foron un dez!
Xunto cos medios, atopamos no camiño uns aliados que non lle andaban atrás. As farmacias das catro provincias galegas tamén puxeron o seu grao de area, unhas nas redes e outras na rúa pendurando o cartel nos seus establecementos.
Dende o colexio de traballo social tamén nos deron un empurrón
En Ourense o comercio local tamén nos botou un cabo.
E así un longo etc no que teríamos que incluir sindicatos, centros educativos, asociacións…
Na rúa pasaron cousas misteriosas… E as mulleres, aínda que fosen de bronce, ou de pedra sacaron os seus panos amarelos para solidarizarse con nós.
A vé
spera o contador e dramaturgo Quico Cadaval lembrou no auditorio de Ourense que hai que erguer as mans pola endometriose. Grazas Quico!
E por segundo ano consecutivo no programa Luar non nos deixaron soas. Pilocha, a primeira cantante que gravou o tema Alecrín -o noso himno- interpretou a canción nunha versión simplemente deliciosa. Grazas luareiros!
Así soaba o alecrín na voz de Pilocha http://luartube.crtvg.es/pilocha-alecrin/
E chegou o día… No edificio de AFUNDACIÓN e no marco do FORO LA REGIÓN tres profesionais que nos deixaron realmente con gañas de moito máis.
Por un lado a Dra Carmen Varillas, Xefa da Sección de Xine do Chuo que fixo unha exposición moi-moi didáctica e esclarecedora. Cantas dúbidas se resolven nunha sesión coma esta! Cantas preguntas sen contestar que atopan resposta! GRAZAS!
Tras ela, atrapounos a intervención da Psicóloga e sexóloga Martina González Veiga. Sobre os sentimentos que provocou a súa intervención nada máis esclarecedor que as súas propias palabras nas redes ao día seguinte. Grazas!
E para rematar a sesión divulgativa interviu a Fisioterapeuta Ana Belén Fernández. Decididamente ENDOaFISIOnámonos! GRAZAS!
LA REGIÓN fixo un traballo extraordinario cubrindo a retransmisión en directo das xornadas. GRAZAS tamén a este xornal de referencia para Ourense, ao seu director e aos traballadores/as da casa que tanto nos axudaron. Un luxazo! Quédanos un documento rexistrado ao que recurriremos moitas veces e totalmente recomendable para quen non puido asisitir. TODAS as intervencións pódense ver AQUÍ
Algún mal regusto? a quenda de preguntas fíxosenos curtísima porque había que marchar para a Concentración e chegaron os toxos á praza do Ferro.
Lemos o manifesto. Cantamos o Alecrín e retratámonos xuntas!
Atrás quedaron unha chea de cousas que non cabían nunha crónica pero que axudaron moito. Tantas entrevistas en radios, en xornais… tantos encontros!
E citámonos para seguir coas mans arriba pola visibilización da doenza, pola divulgación dos síntomas entre as mulleres máis novas para favorecer os diagnósticos precoces, pola consecución da primeira unidade multidisciplinar de endometriose para Galicia, por máis consultas específicas de endometriose, por unha aposta pola investigación e para que algún día ter endometriose non sexa un estigma.
A seguir pelexando polos dereitos das mulleres con endometriose!