Un ano máis, neste 2023 celebramos a Marcha Mundial da Endometriose, coincidindo coa última fin de semana de marzo. A data foi o pasado sábado 25 de marzo na cidade de Pontevedra.
Durante a mañá desenvolvéronse as ponencias dos expertos, falando sobre endometriose e fertilidade con Dr. Luis Devesa Otero, Xinecólogo do CHUP, e sobre os efectos do exercicio físico na endometriose con Dr José Luis García Soidán, médico, doutor e profesor de fisioloxía do exercicio na Universidade de Vigo.
Sen dúbida dúas charlas super interesantes…

Se non puidestes asistir e quedastes coa gana de saber máis sobre endometriose, aquí tendes o video co contido completo das xornadas, para que poidades desfrutalo, aprender, formarvos e difundir alá onde consideredes necesario.
Ás 13.30 h estivemos na Praza da Ferrería para a lectura do noso manifesto, acompañadas das nosas familias, amizades, e de quen quixo achegarse escoitarnos e axudarnos a visibilizar a nosa doenza. Moitas grazas a todas e todos!!
Aquí tendes o manifesto para ler e descargar, e no seguinte video podedes ver ás socias de querENDO durante o acto da lectura na rúa.
Foi un momento moi emocionante... Un ano máis, chamamos ás autoridades sanitarias para que consideren as nosas demandas!
Ao día seguinte, o domingo 26, collimos os bártulos e fomos a Baiona para seguir divulgando… na Medio Maratón Vig-Bay, onde montamos un posto informativo, ademáis de estar presente o noso díptico nas bolsas que a organización repartiu entre tódolos corredores – difundindo máis de 4000 dípticos informativos que foron a outros tantos fogares.
Esta fin de semana de marcha pola Endometriose 2023 foi memorable. Gozamos coma sempre da compaña mutua, da vulnerabilidade compartida e da forza construída, levantando, unha vez máis, as mans pola Endometriose. Agardámosvos para a seguinte!!!