O novo Modelo de atención a mulleres con endometriose do Sistema Nacional de Saúde (2020), establece unha serie de itinerarios de atención para mellorar a calidade da asistencia ás mulleres afectadas. Podes consultala aquí.
Desgraciadamente, aínda existe un amplo descoñecemento e falta de sensibilidade por parte da comunidade médica e das institucións sanitarias. Isto é especialmente grave no caso galego, onde non contamos aínda con ningunha unidade multidisciplinar capaz de asumir a plena atención das enfermas con endometriose profunda ou extrapélvica.
No seguinte esquema pódense ver as recomendacións sobre o itinerario de atención que establece o novo Modelo.
Como se pode observar, a derivación cara unidades máis especializadas é unha figura esencial á hora de dotar dunha atención de calidade e de mellorar as condicións de vida das afectadas. Porén, adoita ser un proceso difícil no que as pacientes atopámonos con numerosas trabas. Por iso, deixámosvos aquí unha serie de documentos para demandar as derivacións ante as autoridades competentes. Cada caso ten as súas singularidades e a continuación analizamos dúas situacións ben distintas:
1.- Solicitude de derivación a un equipo multidisciplinar fóra de Galicia
Cando se padece unha endometriose profunda ou extrapélvica, para conseguir a derivación a un equipo multidisciplinar fóra da comunidade galega (xa que en Galicia non existe ningún) é fundamental contar cun xinecólogo/a disposto a solicitar a derivación, xa que son os responsables de realizar todos os trámites necesarios.
Mais a falta de coñecemento e sensibilidade fronte á endometriose fai que algúns profesionais non sexan favorables a dita derivación. Neste caso, precisaremos presentar unha reclamación ante o Servizo de Atención ao Doente do noso hospital. Aquí vos proporcionamos os documentos necesarios:
- Folla de reclamacións-tipo do SERGAS, na que sinalaremos os datos necesarios indicando que se trata dunha reclamación. Podes descargala aquí.
- Vía web, na sección “Contacte” do Sergas. Precisarás de acceso por chave365 ou certificado dixital.
- Modelo de reclamación que podes descargar dende aquí para achegar xunto coa folla de reclamación. (Fonte: http://adaec.info/como-solicitar-una-derivacion-paso-a-paso). Podes descargalo aquí.
NOTA: Lembra que o que aquí che proporcionamos é un modelo que pode ser de axuda. LE SEMPRE ATENTAMENTE o documento e adáptao ao teu caso. Se precisas da nosa axuda, AQUÍ ESTAMOS!
2.-Solicitude de derivación ao servizo de xinecoloxía
Aínda que adoita ser menos común, pode darse o caso que, tendo diagnosticada a doenza, o médico de atención primaria non nos derive ao servizo especializado en xinecoloxía cando se producen cambios importantes no noso estado de saúde. Para estes casos tamén redactamos este modelo (descárgao aquí) que se achegará tamén a unha folla de reclamación tipo.
NOTA: Lembra que o que aquí che proporcionamos é un modelo. LE SEMPRE ATENTAMENTE o documento e adáptao ao teu caso. Se precisas da nosa axuda, AQUÍ ESTAMOS!
Sobre o dereito á segunda opinión médica
A Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde recólleo no seu artigo 4a:
Artigo 4 Dereitos dos cidadáns no conxunto do Sistema Nacional de Saúde
Nos termos desta lei, os cidadáns terán os seguintes dereitos no conxunto do Sistema Nacional de Saúde:
a) A dispoñer dunha segunda opinión facultativa sobre o seu proceso, nos termos previstos no artigo 28.1.
Artigo 28 Garantías de calidade e servizos de referencia
1. As comunidades autónomas garantirán a calidade das prestacións, segundo desenvólvese no capítulo VI desta lei. Para iso, poderán realizar auditorías periódicas independentes.
As institucións asistenciais velarán pola adecuación da súa organización para facilitar a libre elección de facultativo e unha segunda opinión nos termos que regulamentariamente se establezan.
Así mesmo, abordarán actuacións para a humanización da asistencia e para a mellora da accesibilidade administrativa e da súa confortabilidad. (…)
A lexislación galega recolle este mandato na Lei 8/2021, do 25 de febreiro de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a cal, no seu artigo 8.5 recolle o “dereito a unha segunda opinión médica co obxectivo de fortalecer a relación médico-paciente e complementar as posibilidades da atención sanitaria”.
O exercicio deste dereito descríbese no Decreto 4/2015, do 12 de marzo, polo que se regulan o procedemento e os efectos da garantía do dereito á segunda opinión médica no Sistema público de saúde de Galicia, mais só está contemplado nos seguintes casos:
Artigo 4 Exercicio do dereito á segunda opinión médica
1. A emisión dunha segunda opinión médica poderá solicitarse cando o/a paciente dispoña dun primeiro diagnóstico completo e/ou proposta terapéutica emitido por un/unha profesional médico/a de o Sistema público de saúde de Galicia, en relación con algún dos procesos que se indican no artigo 15.2 da Lei 12/2013, do 9 de decembro:
a) Enfermidades neoplásicas malignas.
b) Enfermidades neurolóxicas inflamatorias e dexenerativas invalidantes.
c) Confirmación de diagnósticos de enfermidade rara.
Artigo 6 Solicitude
A solicitude de segunda opinión médica realizarase por escrito, segundo o modelo incluído no anexo I deste decreto e dirixirase á xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada da que forme parte o centro hospitalario de referencia do/da paciente. (…)
Recomendamos consultar este artigo 6 de forma completa, xa que describe que documentación debe presentarse, onde, etc.
Mais a endometriose non se encontra entre os procesos descritos no artigo 4 como susceptibles de segunda opinión médica, malia ter un comportamento progresivo e inflamatorio que incapacita a quen a padece para levar unha vida normal. Desde querENDO continuaremos loitando para que a nosa doenza se atenda en tempo e forma.