Como sabedes, o pasado 14 de febreiro estreouse na Universidade da Coruña a exposición “Olladas á endometriose”, da man do colectivo TecEndo, na que querENDO tivo a oportunidade de colaborar. Pois volvemos estar de noraboa, porque a mostra acaba de inaugurarse en Compostela, co gallo do Día da Endometriose.
Estará aberta ao público desde o 14 de marzo ata o 29 de abril, na Biblioteca Concepción Arenal, da Universidade de Santiago de Compostela. A entrada é libre e gratuíta, todos os días da semana, de 9.00 a 19.00 h, incluíndo fins de semana e festivos!
O obxectivo da exposición é, segundo as propias autoras (post en Instagram):
Compartir diferentes experiencias entorno á endometriose desde unha mirada artística, neste caso a través da fotografía, dando voz ás nosas dores, preocupacións e situacións desde unha expresión creativa, unida e tecendo redes, para mostrar as consecuencias emocionais, físicas e sociais da endometriose e para visibilizar a tantas persoas na mesma situación….pretende tamén, apelar á comprensión das persoas non afectadas, para que coñezan a doenza, logrando así máis visibilidade, atención, empatía e investigación médica.
Convidámoste a que visites a exposición e partilles este convite por cada recuncho. É unha marabillosa forma de visibilizar a nosa doenza e aumentar a empatía na nosa contorna.