querENDO celebrar o Día da Endometriose 2022

Este ano por fin puidemos encontrarnos de novo e celebrar xuntas o Día da Endometriose en Compostela, o 26 de marzo pasado.

Nas Xornadas da mañá, desenvolvidas na Facultade de Dereito da USC, falamos do diagnóstico e tratamento da endometriose da man de Helena Rodríguez, xinecóloga do CHUS, e tamén de dor, con Pablo López, anestesista da unidade da dor do CHUS.

Se non puidestes asistir e quedastes coa gana de saber máis sobre endometriose, aquí tendes o video co contido completo das xornadas, para que poidades gozalo, aprender, formarvos e difundir alá onde consideredes necesario.

Á 13.30 h estivemos na Praza Roxa para a lectura do noso manifesto, acompañadas das nosas familias, amizades, e de quen quixo achegarse escoitarnos e axudarnos a visibilizar a nosa doenza. Moitas grazas a todas e todos!!

Aquí tendes o manifesto para ler e descargar, e no seguinte video podedes ver ás socias de querENDO durante o acto da lectura na rúa.

Emociona, non si? Ogallá as autoridades sanitarias consideren por fin as nosas demandas!

Pola tarde, ademais de reaprender da nosa sexualidade co taller participativo orientado por Verónica Ramilo, visitamos a exposición “Olladas á endometriose“, coa guía de dúas das autoras, Verónica Ramilo e Neves Seara. A exposición continúa aberta ao público na Biblioteca Concepción Arenal ata o 29 de abril, de 9 a 19 h todos os días da semana. A entrada é de balde!!

Este día da Endometriose 2022 foi memorable. Gozamos da compaña mutua, da vulnerabilidade compartida e da forza construída, levantando, unha vez máis, as mans pola Endometriose.

Súmate á nosa loita e asóciate!