querENDO lembrar a Cristina Gurruchaga, presidenta de ENDOCAT

Que á banda do Solpor é mar de mortos,

Que incerta, última luz, non terás medo.

Que ramas de loureiro, erguen rapazas.

No día de onte chegaba a nova tristeira do pasamento de Cristina Gurruchaga, de Cris de Endocat. Sorpresiva e desoladora como todas as mortes cando son tan temperás.

En querENDO coñecimos a Cristina no ano 2014 cando creamos a nosa propia asociación en Galicia. Dende aquela houbo mails, milleiros de mensaxes de whatasapp e moitas chamadas telefónicas –que resolveron o problema que significa vivir e traballar nos extremos contrarios da península e fixeron un pouco máis ricos aos accionistas das respectivas compañías telefónicas-. De tarde en tarde algún encontro no Ministerio de Sanidade en Madrid ou nalgunha cafetería barcelonesa nas proximidades do Hospital Clínic. Moitas cousas compartidas, tamén algún desencontro por suposto, debates… moitas horas de traballo e sempre ao fondo o desexo de contribuir a que as mulleres con endometriose vivan a súa doenza en mellores condicións.

Non hai palabras que definan a sorpresa, o estupor e tamén, porqué non dicilo?, o golpe que supuxo esta nova. Imaxinamos como caería entre as socias de ENDOCAT.

As asociacións existen porque hai persoas que saben pensar en plural. No caso particular das asociacións de doentes como ENDOCAT, hai tamén un sinal de intelixencia que fai que esas persoas que saben pensar en plural digan: o que preciso para min ou o conseguimos para todas ou nunca o alcanzarei. Unha especie de instinto de supervivencia colectivo que permite que o mundo avance.

Nunha doenza crónica e progresiva como a endometriose non nos cabe dúbida de que Cristina, como nos pasa a todas, había ter días moi malos, semanas e meses de cansanzos infinitos que chamarían por ela para a cama ou para o sofá. Que lle farían cuestionar o tempo que lle dedicaba á asociación e que se roubaba a si mesma e á súa xente. Ela tivo forza para non escoitar eses cantos de serea tentadores e sair navegar todos os días. E, como nos pasa a todas, habería días que non acertaría co rumbo, que as redes non devolverían peixe e que pensase “Que se embarquen outras. Eu xa remei dabondo”. Cristina remou ata o final.

Realmente, todas, as que están nas asociacións, nas directivas, as que non se asocian pero comparten o seu traballo polas redes deberían hoxe pensar, como o fixo Cristina, en plural. Non se nos ocorre mellor homenaxe que seguir traballando pola mesma causa: a das mulleres con endometriose. Pegar un cartel, entregarlle un díptico informativo a unha moza, dar unha charla, calquera cousa destas é a mellor homenaxe que lle podemos facer a Cris. Todas somos quen. Unhas aportando unhas cousas e outras aportando outras. Todas traballando polo mesmo: a mellora na atención sanitaria das mulleres con endometriose.

Non nos cabe ningunha dúbida de que en ENDOCAT quedan mulleres moi válidas que enxugarán as bágoas e que dirán “a onde imos pescar mañá?”.

Adeus, Cristina, moitas grazas e… a vós, compañeiras de ENDOCAT, moita forza para seguirdes bogando, por vós, por Cristina, por todas.

Eu tamén navegar!