querENDO que muden as cousas en fertilidade

Á ATENCIÓN DE DNA FABIOLA GARCÍA MARTÍNEZ. CONSELLEIRA DE POLÍTICA SOCIAL

Edificios Administrativos – San Caetano, s/n 15781 Santiago de Compostela

Con Copia a:

Presidente da Xunta, D. Alberto Núñez Feijoo (San Caetano, s/n 15781 Santiago de Compostela)

Conselleiro de Sanidade, D. Jesús Vázquez Almuíña (San Lázaro S/N Santiago de Compostela)

 

GALICIA BUSCA MULLERES QUE QUEIRAN SER NAIS PERO…

“AS QUE ME DAN NON AS QUERO E AS QUE QUERO NON MAS DAN”

Prezada Sra:

Escribímoslle en relación á nova que vimos publicada nalgún xornal estes días de que está vostede traballando, e pronto verá a luz, a primeira Lei Galega de Impulso Demográfico.

Non podemos máis que felicitala por enfrontar un dos máis grandes problemas que ten Galicia: o do seu suicidio demográfico.

Agora ben, tampouco se entendería que non lles fixesemos chegar unha reflexión que nos é propia pola nosa condición de mulleres cunha doenza que afecta en grande medida a nosa fertilidade, a nosa capacidade reprodutora.

O 50% das mulleres que sufrimos endometriose temos problemas de fertilidade. Máis de 30.000 mulleres en Galicia con problemas de fertilidade. Algunhas non quererán ser nais pero outras moitas pelexan durante anos por selo e atopan na sanidade pública uns servizos de fertilidade que non dan resposta ás súas demandas ou dan unha resposta tan tardía que cando chega xa é inútil.

Dende a asociación “querENDO. Mulleres con Endometriose” gustaríanos facerlle chegar unha serie de reflexións para que este proxecto que ten entre mans se converta nunha ferramenta útil para esas mulleres que están buscando embarazo e precisan axuda por parte da administración. Elas son as nais que vostedes están buscando. Algunhas cousas teñen que mudar nos servizos de fertilidade e na nosa sanidade para que se cumpran os desexos de ser nais de todas elas.

Fixéronse vostedes algunha vez estas preguntas?

Cantos embarazos non chegan a producirse polas largas lista de espera dos servizos de fertilidade? O acceso aos sistemas de reprodución asistida non nos contemplan ás mulleres con endometriose como persoas con prioridade de acceso, polo que a nosa fertilidade, xa diminuida de por si, vai empeorando durante os períodos de espera (tratamentos e cirurxías xogan contra nós). As futuras nais están aí, sentadas nunha sala de espera interminable. Ano e medio de media para ter a primeira consulta. Tic, tac, tic, tac. O reloxo corre na nosa contra. A nosa vontade de ser nais é desoída.

Por que non se contempla a preservación de tecido ovárico para as mulleres con endometriose antes dunha cirurxía ou dun tratamento do que posiblemente saian estériles de por vida? As futuras nais están aí, desesperadas, vendo como outras doentes en similares circunstancias (por exemplo as enfermas de cancro) si poden acceder aos servizos de preservación e para nós están vedados. A nosa vontade de ser nais é desoída.

– Por que en España estamos á cabeza na doazón de órganos e sen embargo apenas hai doazón de óvulos na sanidade pública? Por que hai unha axencia pública (ADOS) que promove doazón de órganos, tecidos e sangue e se desentende da captación de doadoras de óvulos, entregando ese tipo de doazón á sanidade privada? Vaia vostede á web desa Axencia e á do Sergas e busque a palabra ovodoazón. Non atopará resultados. Non os hai. As futuras nais están aí, descorazonadas, vendo como non se promoven campañas, nin se dá información nas webs oficiais como se dun mercado fora da lei se tratase. A nosa vontade de ser nais é desoída.

– Por que non se contempla a ovodoazón para as mulleres con baixa reserva ovárica? As futuras nais están aí, nas súas casas aforrando para que unha clínica privada lles resolva o que a sanidade pública non fai.  A nosa vontade de ser nais é desoída.

– Por que unha muller que xa ten un fillo non pode recorrer a un tratamento de fertilidade se o precisa no sistema público? As futuras nais están aí, pero esas nais son desprezadas polo sistema sanitario público. A nosa vontade de ser nais é desoída.

E xa non queremos falar do que empeoran as posibilidades de sermos nais de xeito natural durante os 8 anos de media no atraso diagnóstico da nosa doenza.  Precisamos transformar os Servizos de Xinecoloxía dos hospitais públicos. Que cada vez menos mulleres teñan que recorrer aos servizos de fertilidade. Que  sexamos tratadas en tempo dunha doenza que se atalla ben nos primeiros estadios. Para qué preguntar por isto?

As preguntas poderían continuar porque hai moitas máis cousas que sinalar pero abondan estas para darse conta de que a política sanitaria pública de fertilidade choca frontalmente coa ambición que o seu proxecto manifesta: dar resposta ao problema demográfico de Galicia.

Como ve, para poder conciliar, así como para aumentar o gasto en dependencia (eixos principais da nova lei) é preciso que promova a natalidade e que axude realmente ás familias a acadar este seu propósito. É dicir, tender a man primeiramente a tantas e tantas mulleres que non ven posible  realizar o seu desexo de ser nais, pola situación das unidades de fertilidade e reprodución:

  • poucas facilidades para acceder ás unidades de fertilidade
  • pouco personal
  • pouca dotación
  • longas listas de espera
  • moitas posibilidades de sermos excluidas deses servizos por múltiples e arbitrarias razóns.

Vostedes buscan nais e pregúntanse como conseguilas. A vostedes pásalles o que dicía o refrán ˝as que me dan non as quero e as que quero non mas dan”.

As futuras nais estamos aquí. Somos nós, as mulleres con endometriose, as nais rexeitadas. Nós non somos a solución ao problema demográfico de Galicia pero podemos ser parte da solución. Poden mirar por nós?

Asdo.- Xunta Directiva de querENDO