querENDO saber qué fai a Consellería de Sanidade

Captura4

O 12 de novembro na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego tratouse o tema da endometriose. Pasaran 6 meses de que o parlamento por unanimidade lle encargara á Consellería de unanimidade varias cousas: a difusión da Guía de endometriose entre os profesionais, a creación dun grupo de traballo que estude a atención que recibimos.

Vendo que os 6 meses que o parlamento lle dera á Consellería pasaran e que non había avances a deputada Montserrat Prado do BNG formulou unha pregunta na Comisión de Sanidade. Compareceu o Director Xeral de Atención Sanitaria para darlle resposta. Escoitamos varias veces a súa resposta.

Pero, sobre todo quedáronnos moitas dúbidas así que lle enviamos a seguinte carta á Consellería pedindo información suplementaria.

Á/A.- Sr. Ares Rico.

Sr. Director Xeral de Atención Sanitaria.

Prezado Sr:

O pasado 12 de novembro de 2015 vostede compareceu ante a Comisión 5ª de Sanidade, Política social e emprego para responder a unha pregunta relacionada coa Moción que por unanimidade aprobou o Parlamento de Galicia o 22 de abril do presente ano sobre endometriose.

Vaia por diante o noso agradecemento pola comparecencia. Na resposta da súa Consellería observamos que hai algunhas luces esperanzadoras á situación que as mulleres con endometriose soportamos na atención sanitaria do Sergas e vimos con preocupación algúns elementos que non deixaron de parecernos pouco tranquilizadores. É por iso que nos diriximos a vostede para aclarar algunhas dúbidas e para facerlle algunha solicitude en base ao exposoto alí.

  1. Na súa comparecencia dixo ante a Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia “Fíxose difusión desta guía, e esta difusión fíxose a través das EOXIS para que toda esta comunicación chegase aos servizos de atención primaria e así mesmo aos propios servizos de xinecoloxía e obstetricia de todos os hospitais da rede do SERGAS”. Por esta carta vimos solicitar información de en qué datas e a qué colectivos dirixiron a información cada unha das EOXIS.
  1. Na súa comparecencia dixo ante a Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia “No caso dos estadíos máis avanzados da enfermedade o servizo galego de saúde a través da súa rede ten establecido cales son os mecanismos e as canles de referencia para tratar aquelas patoloxías que son máis graves pola súa complexidade ou ben porque son un número pequeno e é necesario que se realicen de forma específica en determinadas unidades para ter máis experiencia, neste caso, os casos máis graves a través desta rede de referencias quedaría claro cal é o hospital que as ten que tratar e temos establecidas todas as referencias incluso tamén para esta patoloxía”. Por esta carta vimos solicitar información pormenorizada dos centros desa rede de referencias da que falou.
  1. Na súa comparecencia recoñeceu ante a Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia “Ao mellor non constituimos grupos específicos que, volvo a repetir, que a través dos grupos que están analizando e estudando actuacións en patoloxías propias da muller si que se tratou e se traballou no tema de endometriose”. Non imos ocultar o noso disgusto polo feito de que a súa consellería tome tan á lixeira un mandato do Parlamento de Galicia aprobado por unanimidade no que había unha demanda explícita da creación específica deses grupos que había de entregar un informe das súas deliberacións en sede parlamentaria. Máis aínda así por esta carta vimos a solicitarlle información pormenorizada das datas, actores implicados e acordos adoptados nos grupos de traballo nos que segundo dixo en sede parlamentaria se estudaron actuacións para a patoloxía da endometriose.
  1. Na súa comparecencia dixo ante a Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia “E sobre o último punto que tamén se recolle na súa pregunta como é o de traballar en investigación e intentar utilizar os recursos que o propio Sergas como poidan ser as fundacións de axuda á investigación os distitntos estudios todos están abertos a participar en todas aquelas iniciativas que os profesionais do servizo galego de saúde teñan para avanzar en todo o que sexa mellorar a investigación clínica da enfermedade, mellorar o coñecemento da mesma, e por suposto tamén mellorar o seguimento de todas as mulleres afectadas”. Por esta carta vimos solicitar información pormenorizada dos pasos que esa consellería teña dado para instar aos distintos axentes mencionados na súa intervención do interese en abrir liñas de investigación sobre endometriose e as respostas obtidas dos distintos axentes.
  1. Na súa comparecencia dixo ante a Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia “En canto á difusión da educación sanitaria sobre esta patoloxía o Sergas pon a disposición desta organización e de calquera outra que queira facilitar de participar nesta tarea da educación da cidadanía, da educación para a saúde todas as estruturas que a dirección xeral de atención ao cidadán e calidade”. Por esta carta vimos a solicitarlle unha campaña de concienciación e sensibilización dirixida a mulleres e profesionais como as que esa consellería ten feito con otras doenzas cunha prevalencia ben menor que a endometriose. E neste mesmo sentido pedimos que se trate específicamente a información ás mozas de 15 a 25 anos co fin de promover os diagnósticos precoces.
  1. Na súa comparecencia dixo ante a Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia “Lóxicamente que estamos dispostos a sentarnos e a traballar con esta asociación e con calquer outra. Estoulle dicindo que estamos non só dispostos senón que a propia subdirección de calidade e atención ao paciente si que está traballando con esta asociación. Nós estamos dispostos a sentarnos con eles, a ver todas as medidas”. Por esta carta vimos a notificarlle que estamos ao seu dispor para comezar os traballos cando o estimen oportuno .

E por isto que lle solicitamos esta información relativa á súa comparencia e quedamos  ao seu dispor para manter unha entrevista no momento que vostede o estime oportuno.

Agardando as súas respostas reciba un moi cordial saúdo

En querENDO sabemos que a endometriose é unha doenza silenciada, invisible. Nós estamos dispostas a que non nos sigan silenciando e a facernos ver.