querENDO darlle as grazas ao Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega

Acabamos de recibir carta do Sr. Presidente da Real Academia Galega -D. Xesús Alonso Montero. Nela dinos “Práceme comunicarlle, en contestación á súa solicitude de data de 3 de febrero de 2015 de incorporación do termo endometriose no Diccionario da Real Academia Galega que, logo de ser valorada e estudada polo Seminario de Lexicografía da institución, se acordou a incorporación do termo endometriose no diccionario académico”.

cartarag

Cando nos diriximos hai mes e medio á Real Academia Galega dicíamoslles:

As mulleres con endometriose estamos acostumadas a unha certa invisibilidade. Estímase que entre a aparición dos síntomas e o diagnóstico poden pasar unha media de 8 anos. Son anos nos que non recibimos tratamentos axeitados e durante os cales a doenza avanza empeorando a nosa calidade de vida e danando o noso organismo, moitas veces de maneira irreversible. A demora en poñerlle nome á doenza que sufrimos convértenos a nós mesmas en invisibles para o sistema médico que debe atendernos.

As razóns polas que o diagnóstico adoita ser tan tardío, son variadas. Nós mesmas tardamos en recoñecer o problema porque tradicionalmente considérase que é normal que en determinados momentos do ciclo teñamos dor. A falta de información suficiente sobre a doenza por parte dos médicos de primaria e, sobre todas as cousas, a falta de unidades especializadas en endometriose na case totalidade dos hospitais galegos complementan esta situación que padecemos.

Somos invisibles para quen nos di durante anos que a dor que sentimos é psicolóxica e tamén o somos para os xestores da sanidade pública que ignoran as especificidades desta doenza e non atenden ás indicacións que fai a Guía de atención editada polo Ministerio de Sanidade. Somos tamén invisibles no Dicionario da Real Academia Galega onde a voz “endometriose” non aparece.

Por iso solicitabamos que nas vindeiras edicións impresas ou dixitais do dicionario da Real Academia Galega se incorporase a voz Endometriose para poñerlle nome na nosa lingua á doenza que padecemos.

Agora -trala resposta- só temos unha palabra para a Real Academia Galega

Grazas!