querENDO que a endometriose apareza no Dicionario

Na primeira semana de febreiro a asociación querENDO. Mulleres con endometriose enviou unha carta ao presidente da Real Academia Galega para pedirlle que as vindeiras edicións do dicionario incorporen a voz endometriose. Na carta dirixida a D. Xesús Alonso Montero a asociación xustifica así a súa petición:

“As mulleres con endometriose estamos acostumadas a unha certa invisibilidade. Estímase que entre a aparición dos síntomas e o diagnóstico poden pasar unha media de 8 anos. Son anos nos que non recibimos tratamentos axeitados e durante os cales a doenza avanza empeorando a nosa calidade de vida e danando o noso organismo, moitas veces de maneira irreversible. A demora en poñerlle nome á doenza que sufrimos convértenos a nós mesmas en invisibles para o sistema médico que debe atendernos. As razóns polas que o diagnóstico adoita ser tan tardío, son variadas. Nós mesmas tardamos en recoñecer o problema porque tradicionalmente considérase que é normal que en determinados momentos do ciclo teñamos dor. A falta de información suficiente sobre a doenza por parte dos médicos de primaria e, sobre todas as cousas, a falta de unidades especializadas en endometriose na case totalidade dos hospitais galegos complementan esta situación que padecemos. Somos invisibles para quen nos di durante anos que a dor que sentimos é psicolóxica e tamén o somos para os xestores da sanidade pública que ignoran as especificidades desta doenza e non atenden ás indicacións que fai a Guía de atención editada polo Ministerio de Sanidade. Somos tamén invisibles no Dicionario da Real Academia Galega onde a voz “endometriose” non aparece”.

Por agora a resposta aínda non se produciu pero estamos certas de que na vindeira edición do dicionario non seremos invisibles porque os académicos e académicas prestarán atención á nosa demanda.