A asociación querENDO Mulleres con endometriose vén de rexistrar unha solicitude de cribado para unha doenza que ten un atraso diagnóstico medio de 8 anos.
Na pasada semana a asociación querENDO vén de demandar da Consellería de Sanidade que se poña en marcha un plan para facer aflorar os diagnósticos de endometriose.
O motivo que orixina a demanda é o feito de que esta doenza ten un atraso diagnóstico que se prolonga por anos, nos que as mulleres asisten a numerosas consultas con facultativos de distintas especialidades relatando os seus síntomas e sen que ninguén lle dea nome á doenza por diversas causas.
Neses anos a súa calidade de vida empeora, o prognóstico na evolución da doenza tamén, e acumulan dores e molestias que van facendo cada vez máis difícil levar unha vida normal.
A maiores tamén hai que ter en conta que canto máis tardío é o diagnóstico máis dificultades teñen as mulleres con endometriose para conseguir un embarazo no caso de desexalo.
As socias de querENDO confían en que de realizarse este cribado moitas mulleres non chegarían aos graos máis desenvolvidos da doenza onde moitas veces a dor se volve incapacitante para o desenvolvemento dunha vida normalizada.
Calcúlase que en Galicia poden estar padencendo esta doenza unhas 60.000 mulleres das cales moitas están sen diagnóstico.
No escrito presentado a asociación querENDO Mulleres con endometriose solicita da Consellería de Sanidade o cribado de endometriose nestes termos:
Da nosa estimanza:
Acabamos de ver nos xornais que a Consellería vén de facer un ensaio dun cribado para a identificación das vítimas de violencia de xénero. En primeiro lugar queremos felicitalos por esta iniciativa e seguidamente animalos a que se extenda e poida acadar a totalidade da poboación feminina.
O feito de que existise ese ensaio lévanos unha vez máis –xa se plantexou nalgunha das xuntanzas que a nosa asociación tivo con membros da súa Consellería dende os inicios de querENDO, alá polo ano 2015-, a demandar que se cree tamén unha acción similar para tratar de facer aflorar esa enorme bolsa de mulleres que padecen endometriose e que transitan as consultas médicas durante anos en busca de resposta e nome á doenza que lles provoca uns síntomas que sistematicamente se desatenden.
Para que se deixe de situar a media de atraso diagnóstico en arredor de oito anos está claro que haberá que tratar de romper dalgún xeito ese tempo de espera con algunha acción disruptiva que incida nun diagnóstico precoz. Durante eses oito anos hai un grande padecemento por parte desas mulleres sen diagnóstico, hai unha perda de oportunidades para o control da doenza, pérdense oportunidades terapéuticas que poderían frear ou mesmo eliminar a posibilidade de que a doenza chegue aos estadios máis desenvolvidos, evitaríanse infinidade de baixas laborais e ausencias aos postos de traballo e, a longo prazo, aforraríanse moitos cartos nos orzamentos públicos. Máis alá disto tamén se podería incidir en toda a problemática asociada á infertilidade nesta doenza, nestes tempo onde se lle da tanta importancia á baixa natalidade. Consideramos que a calidade de vida de milleiras de galegas podería ser mellorada de forma sustancial.
É por todo isto, que solicitamos a creación dunha mesa de traballo formada por membros da Consellería, membros das consultas específicas de endometriose dos hospitais públicos de Galicia, membros das consultas de matronas e médicos de familia dos centros médicos públicos, profesionais de oficina de farmacia e mulleres afectadas pola doenza, para estudar os sucesivos pasos a dar referidos á implantación dun cribado de endometriose.
Quedamos ao seu dispor para falar desta proposta, así como doutros temas pendentes de abordar por parte da nosa asociación.
Reciba un cordial saúdo.
Asociación querENDO Mulleres con endometriose.