
Unha xuntanza na Consellería de Sanidade o día 30 de decembro deixou enriba da mesa as súas reclamacións máis urxentes.
O martes 30 de decembro un grupo de socias de querENDO reuniuse con representantes da Consellería de Sanidade na sede de San Lázaro. A reunión viña motivada por unha solicitude cursada dende querENDO para demandar un cribado que faga aflorar os miles de casos de mulleres sen diagnóstico que padecen esta doenza de orixe xinecolóxica. Calcúlase que a doenza afecta a un 10% da poboación feminina en idade fértil e que o atraso diagnóstico ronda os 8 anos de media. QuerENDO formalizou a solicitude desa xuntanza a raíz dunha nota de prensa da Consellería de Sanidade na que se anunciaba un cribado de Violencia de Xenéro. Na reunión mantida o pasado día 30 de decembro as representantes da Consellería descartaron a posibilidade de facer o cribado demandado para a endometriose por carecer esta doenza de probas específicas que puideran facer unha abordaxe simple nese cribado e porque o cribado de violencia de xénero era unha pilotaxe de casos xa rexistrados, non un cribado como tal, destinado a diagnosticar novos casos. Aínda que o tema fundamental da reunión non obtivo a acollida esperada por parte da Consellería a xuntanza serviu para facer un repaso das demandas que este colectivo de afectadas mantén desde a súa creación hai xa máis de dez anos:
- A creación dunha Unidade Multidisciplinar de Endometriose que sirva en Galicia para dar resposta aos casos máis difícil.
- A estabilización do persoal nas consultas específicas xa creadas.
- A ampliación de horarios naquelas consultas específicas que están máis saturadas.
- Creación de vídeos divulgativos sobre a doenza para as pantallas das salas de espera de xinecoloxía e dos centros de primaria.
- Afondamento na formación dos profesionais nesta doenza e aplicación de medidas correctoras no nesgo de xénero á hora de diagnosticar e tratar a doenza.
- Melloras na dotación das áreas de fisioterapia con novas técnicas que aínda non se estenderon ao tratamento da endometriose.
As mulleres con endometriose son en Galicia arredor dunhas 60.000 e veñen facendo estas demandas dende a creación da asociación querENDO. Mulleres con endometriose en 2015. Da xuntanza celebrada o pasado martes 30 de decembro non se obtivo ningún compromiso concreto e agardan que algún dos temas expostos se estude a futuro. O grupo que asistiu por parte da Consellería, encabezado por Patricia Pazos Crespo, Subdirectora Xeral de Atención Primaria, comprometeuse a trasladar ao Conselleiro as demandas da asociación querENDO.