No pasado ano 2020 todo o que non tivera que ver coa pandemia provocada pola COVID pasou inadvertido, pero aconteceu algo que non queremos deixar pasar: o Ministerio de Sanidade editou un novo «Modelo de atención para as mulleres con endometriose».
Non é que sexa o modelo perfecto, pero introduce melloras substanciais de cara ao diagnóstico precoz, aos tratamentos e á abordaxe da fertilidade.
E ogallá puideramos dicir que é por mor da COVID que este novo modelo non chegou ao SERGAS e que é por iso que non se está aplicando, mais tememos que a realidade pasa por un desinterese total, pola apatía da Consellaría de Sanidade e pola pouca escoita ás nosas demandas por parte do goberno da Xunta. Así o demostra a inacción respecto da moción aprobada por unanimidade no Parlamento hai agora 7 anos, e que vimos de expoñer o pasado 22 de abril nos medios.
É por isto que arrancamos cunha nova iniciativa: aproveitar este ano Xacobeo para facer un anaco do camiño de Santiago e levar o novo «Modelo de atención ás mulleres con endometriose» ao apóstolo!
Aproveitaremos o roteiro para facernos escoitar e para visibilizar, unha vez máis —pero de forma distinta— a nosa doenza, presentarlla a quen atopemos polo camiño e confraternizar, construíndo comunidade. Apúntaste?
Estes serán os fitos do noso «Camiño pola endometriose»:
- Saída: domingo 19 de xuño, ás 10.00 h, da praza da Igrexa S. Paio de Sabugueira (Lavacolla).
- A duración estimada do roteiro é de dúas horas (con calma, non temos presa e queremos gozar do camiño).
- Cómpre levar comida e bebida, viseira, protección solar e calzado cómodo. A idea é comer xuntas ao chegar a Compostela.
- Imprescindible vestir a camiseta de querENDO. Se aínda non tes a túa mándanos un mail a levantaasmanspolanendometriose@gmail.com . Temos stock de talla S, M, L e XL; o prezo é de 15 € (incluídos os gastos de envío). Tamén podes mercala no punto de saída.
- Levaremos banderolas amarelas e, por suposto, o documento para presentar ao santo.
- Ao chegar á rúa de San Pedro despregaremos a pancarta de querENDO, faremos fotos para conmemorar o evento e continuaremos ata a Porta Santa, onde faremos a nosa ofrenda.
A idea é que nos acompañen amigos, familiares, amigos dos amigos e os seus familiares… E se se nos une máis xente polo camiño, mellor que mellor.
Temos que facer ruído, que saiban que estamos fartas de que nos ignoren, de que aproben mocións que quedan en papel mollado, de que nos utilicen de forma partidista para quedar ben nos medios e despois non fagan nada, de que decidan unilateralmente quen vai ser atendida pola súa endometriose e quen non, de que non proporcionen os medios nin a formación ao persoal sanitario, de que nos obriguen a migrar a outras áreas sanitarias por pura desesperación, de que nos neguen o dereito á segunda opinión médica e á derivación, que nos mareen de especialista en especialista e tarden 8 anos en diagnosticarnos, de que despois nos digan que chegamos tarde para poder ser nais, de que nos tachen de histéricas, de que nos ninguneen… que ESTAMOS FARTAS, QUE XA ESTÁ BEN.
Esta é unha grande oportunidade para mostrar a forza inquebrantable das mulleres de querENDO e os seus apoios. Agardámoste!!