querENDO enfermería escolar

Cando en 2015 a asociación querENDO comezou os seus contactos cos distintos representantes de Partidos con representación parlamentaria un dos exemplos que sempre puxemos enriba da mesa foi o da enfermería escolar desenvolvida en Francia, como esta enfermería era a encargada de divulgar a endometriose entre as nenas e as mozas dos centros educativos e como isto se activou dende o ministerio de Sanidade e o de Educación conxuntamente. Unha vella reivincación que hoxe máis ca nunca se volve necesario retomar. Por iso presentamos o seguinte comunicado:

  1. Que vista a proposta dos Colexios Oficiais de Enfermaría da Galiza, a Asociación Nacional e Internacional de Enfermaría escolar e máis a Asociación Científica Española de Enfermaría e Saúde Escolar solicitando ás Consellerías de Sanidade e Educación da Xunta a implantación da figura da enfermeira escolar en todos os centros educativos do país, a asociación querENDO Mulleres con endometriose quere amosar a seu apoio total a esta demanda.
  2. Que, igual que o fan eles, entendemos que a enfermaría escolar debe forma parte efectiva da comunidade escolar e da planificación organizativa e curricular dos centros educativos.
  3. Que vista a longa experiencia desta figura noutros sistemas educativos, como o francés, e a súa recente implantación nalgunhas Comunidades Autónomas do Estado Español é unha ferramenta clave á hora de facer unha educación en saúde.
  4. Que máis alá do contexto actual de Pandemia, esta figura debe implantarse pensando en darlle un longo percorrido á súa permanencia nos Centros Educativos máis alá da xestión inmediata da COVID-19.
  5. Que no caso concreto da endometriose, sería unha figura clave para mellorar os tempos de retraso diagnóstico que neste momento se cifran en 8 anos de media, así como para educar en saúde axudando a eliminar bulos e prexuízos como que é normal que a regra doa ou que esas dores sempre pasan despois dun primeiro embarazo.
  6. Que no actual contexto de pandemia esta demanda é de interese para toda a comunidade educativa pero máis aínda para aqueles membros que padecen patoloxías previas, diagnosticadas ou sen diagnosticar. Por todo isto vimos solicitar formalmente o apoio da comunidade educativa nesta demanda así como tamén unha declaración do Parlamento de Galicia neste sentido. E para que así conste asinamos a presente a 25 de agosto de 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *