querENDO máis ciencia da diferencia

O pasado mes de abril tivemos a sorte de poder compartir dúas xornadas coa endocrinóloga catalana Dra Carme Valls Llobet.

O venres 20 de abril na casa das mulleres Xohana Torres de Santiago de Compostela Conversamos sobre Saúde e desigualdades de Xénero. No escenario a Dra Valls Llobet e máis a nosa presidenta Iria Villar Rodal falaron de algo que nós coñecemos en carne propia e que é as desigualdades de xénero no sistema sanitario. 

A Dra Valls Llobet puxo enriba da mesa moitos datos sobre a desigualdade de xénero e as mulleres nunha exposición tan documentada que daba un chisco de medo ser muller e estar enferma. Unha exposición tamén moi positiva por canto nos fixo ver que nos últimos 30 anos foron moitos os cambios na visibilización deste problema no ámbito sanitario. Pasamos do “non sei de qué me falas” á incorporación nalgúns ámbitos de protocolos que teñen en conta a diferencia entre os corpos dos homes e das mulleres.

Iria falou da soedade na que fundamos querENDO, cando ninguén falaba en Galicia de endometriose, de como tivemos que ir de porta en porta poñendo na axenda o tema, de como nos decatamos que non valía de nada dicir “eu teño un problema” e o que realmente había que dicir “este sistema sanitario ten un problema” de que querENDO naceu xustamente para iso, para querernos. De que se non hai escoita, se se ignora o que a muller refire na consulta, se se minusvaloran os seus síntomas o retraso diagnóstico seguirá sen baixar dos 8 anos de media.

Ao día seguinte, na libraría Lilith, tamén en Santiago de Compostela, tivemos a oportunidade de presentar coa Dra Valls Llobet o seu libro Medio Ambiente y salud.

Alí Carme Varela en nome de querENDO tivo a oportunidade de dicir en público o que pensamos e diciamos moitas veces nas reunións de querENDO: Os libros de Valls Llobet son coma ese espello que hai nos cuartos de baño dos cuartos de hospital, onde moitas de nós vimos por primeira vez a cicatriz das nosas cirurxías. Nese encontro entre a cicatriz e os nosos ollos comezou a curación. Os libros da Dra Valls amósannos as cicatrices dunha medicina que nos ignora e só sendo conscientes diso podemos comezar a sobrepoñernos a ela, a enfrontarnos, a demandar que se nos atenda de outra maneira. Tamén dixemos que os libros de Valls LLobet ademais de ser o espello que nos retratan, son tamén ese espello que multiplican a luz nun cuarto escuro. Precisamos encher de espellos que multipliquen a luz a sanidade e dean xusta resposta ás nosas demandas.

Grazas Dra Valls por nos permitir compartir con vostede dúas xornadas que dificilmente esqueceremos!