querENDO que se faga o que o Parlamento pide

O parlamento de Galicia púxose de parte das mulleres con endometriose e o 22 de abril de 2015, a Comisión 5ª do Parlamento de Galicia que se ocupa dos temas de saúde aprobou por unha unanimidade unha proposición non de lei relacionada coa atención ás mulleres con endometriose en Galicia.

O texto aprobado é o seguinte:

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia e, en particular, a Consellería de Sanidade, a:

  1. Difundir a Guía de coidados a mulleres con endometriose publicada polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, entre os profesionais e as profesionais sanitarias que atenden a estas mulleres (persoal de xinecoloxía, persoal de medicina en atención primaria, persoal de enfermaría, matronas e matrones…) co fin de mellorar a atención que reciben as enfermas con endometriose.
  2. Crear un grupo de traballo multidisciplinar no prazo de seis meses para avaliar a posibilidade de poñer en marcha un Plan de detección precoz da endometriose.
  3. Crear un grupo de traballo multidisciplinar no prazo de seis meses para avaliar a posibilidade de levar a cabo a creación de unidades de endometriose especializadas e multidisciplinares nos hospitais públicos de Galicia.
  4. Crear un grupo de traballo multidisciplinar no prazo de seis meses para avaliar a posibilidade de facilitar as derivacións das pacientes con endometriose grao IV a unidades especializadas, incluíndo outras áreas sanitarias (mesmo fóra de Galicia) mentres non as haxa na área propia da doente ou as existentes non poidan asumir todos os casos.
  5. Fomentar o coñecemento da doenza por parte das mulleres en idade fértil e de maneira singular entre as menores de 25 anos.
  6. Transmitir aos Institutos de Investigación Sanitaria de Galicia a necesidade de fomentar a investigación sobre a endometriose”.

Esta iniciativa recolle en grande parte as peticións da asociación querENDO Mulleres con endometriose que nos últimos meses viñemos reivindicando unha mellor atención para esta doenza que pode estar afectando en Galicia a unhas 60.000 mulleres.

A Asociación mantivera reunións cos voceiros de todos os partidos con representación no parlamento e este texto ven recoller en parte as demandas da asociación.

QuerENDO. Mulleres con endometriose agradece aos grupos parlamentarios a sensibilidade que amosaron con esta doenza silenciada e coas mulleres que a padecen e estamos ilusionadas co horizonte que pode abrirse se finalmente a Consellería de Sanidade atende a petición do Parlamento de Galicia.

En febreiro pedimos unha entrevista con todos os grupos con representación no Parlamento. Cando chegamos hai arredor dun mes ao Pazo do Hórreo a entrevistarnos coas deputadas Dna Monserrat Prado do BNG e con Dna Carmen Acuña do PSOE non podíamos supoñer que en tan pouco tempo pasasen tantas cousas. Ese día foi provindencial. Había pleno e a deputada Sra Prado despois de recibirnos tivo a oportunidade de falar cos outros grupos da oposición e as entrevistas con Dna Eva Solla de AGE e con Dna Consuelo Martínez do grupo mixto celebráronse esa mesma tarde. A xuntanza con D. Miguel Santalices do PP celebrouse aos poucos días e axiña chegou tamén a entrevista na Consellería.

A moción que conseguiron consensuar os grupos deixa fóra algúns temas para nós importantes, como é todo os relacionados cos problemas de fecundidade e deposita en mans dunha comisión -que dependendo de quen a forme e cómo sexan de rigorosas as súas deliberacións- pode ser de moito proveito ou non servir para nada. Pero hai catro meses non tiñamos ningunha esperanza e agora temos a sensación de que se ergues a voz podes rachar o silencio.