querENDO que o Parlamento de Galicia fale de endometriose

As mulleres con endometriose pelexamos contra nós mesmas ( teño que espabilar que se as outras poden eu tamén teño que aguantar!), contra os que nos rodean (en serio que non vas vir só porque che veu a regra?), moitas veces con algúns médicos que nos tratan (que as regras doan é normal….) pero tamén cun sistema sanitario que no está preparado para dar resposta ás nosas necesidades.

Disto último é do que queremos falar cos parlamentarios de Galicia. Esta semana enviamos unha carta aos grupos que teñen representación na Comisión 5ª que é a de Sanidade (PP, PSdeG, AGE, BNG, Grupo Mixto).

Isto foi o que lles pedimos aos Sres Deputados:

Da nosa estimanza:

querENDO. Mulleres con endometriose é unha asociación creada co fin de mellorar as condicións de calidade de vida das mulleres con endometriose.

Hai agora un mes dirixímonos á Sra Conselleira de Sanidade solicitando unha entrevista con ela ou coa persoa do seu equipo que ela designe para coñecer de primeira man cal é o calendario que manexa a consellería para implantar na sanidade pública as medidas que o Sistema Nacional de Saúde recolleu na Guía de atención ás mulleres con endometriose.

En Galicia non está a cumprirse en ningún dos 14 hospitais públicos con servizo de Xinecoloxía e Obstetricia e  ben sabemos das dificultades que pode haber para darlle total cumprimento en pouco tempo, pero dende a asociación reclamaremos sempre a aprobación dunha folla de ruta calendarizada para facelo real nun prazo de tempo razoable.

É por isto que vimos a solicitarlle que se interese na Comisión de Sanidade por esta información que para nós é da maior importancia. Mentres nós quedamos á súa disposición para achegarlle a información que precise sobre o tema ou para asistir a unha xuntanza se o considerase necesario.

Informaremos neste mesmo post de cándo imos tendo resposta por orde cronolóxica:

  • Resposta – PSdeG. Entrevistámonos coa parlamentaria Carmen Acuña o mércores 11/03/2015
  • Resposta – BNG. Entrevistámonos coa parlamentaria Montse Prado o mércores 11/03/2015.
  • Resposta – AGE. Entrevistámonos coa parlamentaria Eva Solla o mércores 11/03/2015.
  • Resposta – Grupo Mixto. Entrevistámonos coas parlamentarias Consuelo Martínez e Carmen Iglesias o mércores 11/03/2015
  • Resposta – PP. Entrevistarémonos co Parlamentario Miguel Angel  Santalices o luns 16/03/2015